lunes, 20 de octubre de 2014

Achegamento á Narrativa Transmedia: textos hipermedia con Google Docs.


Con motivo do Concurso de Relatos "Ciencia Que Conta" e logo da lectura dos da categoría de Secundaria e Bacharelato da pasada 6ª Edición, sorprendentes por certo e recopilados neste pdf que vos recomendo, xurde esta tarefa para o alumnado de Informática de 4º da ESO e de Tecnoloxía de 3º consistente na edición aumentada dos textos publicados como primeira actividade co procesador de textos de Google.

Á tradicional publicación dos traballos no blog persoal como portafolio (Informática de 4º) engadimos o manexo de carpetas e documentos compartidos susceptibles de ser comentados polo profesor, a exploración da lectura conectada aumentando a tradicional lectura lineal do papel, poñemos en valor a creatividade literaria e científica dos alumnos achegando temáticas actuais e fomentando a educación participativa e activa mediante a creación fronte ao consumo, poñemos o noso gran de area respecto do fomento da lectura (Plan Lector) e da difusión da lingua galega (Normalización Lingüística) achegándonos aos contidos relevantes e recurrindo á emotividade.

A tarefa ten unha dobre opcionalidade: por unha banda permite a creación dun relato curto orixinal (con posibilidade de participar no concurso) e por outra a edición aumentada de textos existentes en función das capacidades e inquedanzas literarias do alumnado.

O concurso non pretende relatos de ciencia ficción, nin artigos de ciencia nin meras descripcións, senon que se desenvolvan relatos curtos ou contos a partir dun aspecto científico puntual ou da observación dalgún fenómeno ou experimento simple.

Dado que o trasfondo do relato ten que estar asociado a un feito científico máis ou menos explícito introduciremos nesta tarefa o concepto de "narrativa transmedia"  e comezaremos cun "hiperdocumento", un texto propio dos soportes dixitais con acceso a internet e que básicamente consiste en aumentar a información escrita mediante hiperenlaces.

Cada alumno/a escollerá o seu relato e aumentará a información dun xeito similar ao que fixen co gañador da categoría de secundaria que a continuación vos mostro ou creará o seu propio. As instrucións podedes atopalas nos seguintes documentos aloxados en Drive e compartidos de xeito público ademais de nas vosas respectivas Aulas Virtuais:



POLAS VÍTIMAS DO QUENCEMENTO GLOBAL
Ana Ramírez Iglesias
IES POLITÉCNICO (VIGO)


Vigo, 23 de setembro de 2015.
Parece mentira que xa pasaran dous anos. Dous longos anos dende que recibimos a chamada do patrón do «Ría de Vigo» que nos dicía que o meu pai non ía volver. Recordo perfectamente como a miña nai colgou o teléfono cos ollos cheos de bágoas e tremendo, sen dicir nada, se achegou a min para darme unha longa aperta chea de tristura. Aquela tarde con só 10 anos, vinme obrigada a madurar de golpe porque o meu mundo mudara para sempre e eu sabía que nada volvería ser igual.
Moitas veces lle preguntei á miña nai por que. Por que a el e non a outro? Quen era o responsable de que o meu pai non volvese entrar pola porta cun sorriso na face recendendo a auga salgada? Pero a única resposta que me deu deixoume desconcertada:
- A culpa é do mundo, desta sociedade consumista á que non lle importa o máis mínimo a quen leve por diante para conseguir os seus obxectivos. O teu pai morreu porque os homes fan o que queren sen preocuparse polas consecuencias dos seus actos ata que é demasiado tarde.
Naquel momento non o entendín, non comprendía como o mundo podía ser o responsable da morte do meu pai, pero agora si. Agora sei que o culpable é algo que causamos os seres humanos, algo chamado quecemento global.
O meu pai foi mariñeiro toda a súa vida. Dende ben pequeno traballou no porto co avó e, cando fixo os 16, embarcou por primeira vez. Estivo en moitos lugares diferentes pero finalmente volveu a Vigo. Aquí coñeceu a miña nai e aquí nacín eu. O meu pai pasaba moito tempo no mar, pero sempre que volvía traía unha manchea de aventuras que contarme. Traballaba nun pesqueiro de bacallau no Atlántico Norte, preto das costas da illa de Terranova. Sempre dicía que alí ía un frío deses que corta a pel e que polas mañás a cuberta do barco aparecía chea de grosas placas de xeo que tiñan que romper cos picos para poder limpala. Pero nos últimos tempos algo non ía ben. A temperatura da auga mudara, os peixes emigraban e cada vez tiñan que ir máis ao norte para poder pescar. Unha noite sorprendeunos unha tormenta moi forte, os aparellos do barco deixaron de funcionar e sen o sonar non puideron ver o iceberg ao que se achegaban. Chocaron con el e abriuse unha brecha no casco do barco que comezou a escorar ata que finalmente afundiu no escuro océano.
Alguén podería pensar que ten isto que ver co quecemento global? Pois moito, agora seino ben e oxalá non o tivese aprendido deste xeito.
O quecemento global é un fenómeno provocado polos gases procedentes da queima de combustibles fósiles como o carbón e o petróleo, das industrias, da produción de electricidade, dos residuos almacenados en vertedoiros, da actividade agrícola, do uso de fertilizantes.
Estes concéntranse na atmosfera e crean unha especie de cúpula que atrapa tanto a calor irradiada pola Terra en forma de raios infravermellos de volta ao espazo como parte dos raios ultravioletas emitidos polo Sol, ao que se une o vapor de auga derivado do quecemento da superficie dos océanos. Todo isto orixina unha gran trampa de calor que pouco a pouco aumenta a temperatura globalmente e altera gravemente os ecosistemas do planeta. As consecuencias máis recentes que puidemos comprobar por nós mesmos son as alteracións no clima, a fusión do xeo dos polos e o cambio de conduta dos animais adaptados a determinadas condicións que se ven forzados a emigrar para vivir; animais como os peixes que antes pescaba o meu pai preto de Terranova.
Ás veces pregúntome se de verdade os seres humanos somos tan intelixentes como nós cremos. Fabricamos máquinas asombrosas, curamos enfermidades terribles e viaxamos polo espazo máis aló do que nunca ninguén imaxinou. Pero estamos destruíndo o noso planeta, o noso futuro e o de todos os seres vivos que hai nel. E o que de verdade me mata é que temos a capacidade e a tecnoloxía para intentar arranxalo, pero catro países adiñeirados que controlan os mercados globais e os recursos máis empregados e mellor pagados na actualidade impiden que as desenvolvamos e nós non facemos nada por arranxar esta situación. Eu sempre ouvín a expresión «cada un ten que poñer o seu gran de area, porque moitos pequenos xestos poden mudar o mundo». É verdade. Se cada persoa puxese un gran de arroz teriamos oito millóns cento vinte mil quilos de comida para que ninguén pasase fame; se cada persoa puxese un céntimo teriamos setenta millóns de euros para que ninguén durmise na rúa; e se cada persoa deixase de andar cincuenta quilómetros co coche emitiriamos corenta e nove mil millóns de quilogramos de CO2 menos á atmosfera.

Oxalá todo isto suceda, eu loitarei porque isto suceda. Vou estudar moito e cando sexa maior serei unha científica famosa, así todos terán que escoitarme, así conseguirei que a morte do meu pai e dos outros mariñeiros sirva para algo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario